miércoles, 4 de diciembre de 2013

Un negocio (moi) lucrativo (II)

Nin as leis nin as penas son suficientemente disuasorias para os traficantes de mulleres nin para os proxenetas. En Lugo, cun macroproceso xudicial aberto como é a operación Carioca, asistimos cada certo tempo á posta en liberdade dos principais imputados porque cumpriron os prazos de prisión provisional, mesmo nos casos nos que teñen longos antecedentes por proxenetismo. A reportaxe de The New York Times, que citaba fontes do Ministerio de Interior, indicaba que en 2010 foron perseguidos 202 sospeitosos de tráfico de persoas e que só 80 resultaron condeados.

Miguel Pajares recoñece que o traballo policial ten mellorado en España con respecto á prostitución forzada, pero cre que aínda queda moito por afinar:
En la mayoría de casos se trata a estas mujeres como inmigración ilegal y no como lo que son, esclavas, mujeres cautivas forzadas a prostituirse bajo amenazas contra ellas o sus familias en sus países de origen
Ata 2010, o marco lexislativo español non diferenciaba a trata de persoas e a inmigración ilegal.

Non é unha vergoña que os casos xudiciais e policiais relativos á trata de persoas --e co difícil que se fai demostrar os cargos de proxenetismo e indución á prostitución-- as que acaben por levar a peor parte do proceso sexan as propias mulleres prostituídas, que no caso de seren inmigrantes cunha situación irregular atópanse tamén cunha orde de expulsión? Tres veces vítimas, como recolle un interesante artigo do xornal feminista 'Mujeres en red', asinado pola activista de S.O.S. Racismo Bizkaia June Fernández:
La conclusión es clara: si de algo son víctimas esas mujeres, además de las desigualdades de género, es de la Ley de Extranjería, que reduce sus opciones laborales a las más precarias y alienantes, como la prostitución y el trabajo doméstico. Se suele apelar a las mafias para justificar las actuaciones contra la prostitución, y se las señala como origen del problema. En nuestra opinión, las mafias no hacen sino aprovecharse de la situación que genera el blindaje de fronteras; al impedir a las mujeres emprender un proyecto migratorio autónomo, las arroja a estas redes de explotación sexual. Por si fuera poco, incluso el Plan Nacional contra la Trata aprobado el pasado año reconoce que a las mujeres víctimas de trata el miedo a ser expulsadas con arreglo a la Ley de Extranjería les frena a denunciar a sus explotadores y agresores. El mismo plan, en cambio, supedita la protección de las víctimas a que colaboren con la Policía, una condición que nos parece inadmisible y que muestra que se sigue priorizando la persecución a las mafias, en vez de primar que se garanticen la seguridad y los derechos básicos de sus víctimas.

Atendendo a distintas informacións de El Progreso, na operación Carioca luguesa ditáronse 131 ordes de expulsión por inmigración ilegal que tardaron anos en ser suspendidas polo Defensor do Pobo. Os exresponsables de Estranxeiría da Policía Nacional de Lugo están acusados, entre outros cargos, de facilitarlle a documentación regulamentaria ás inmigrantes que eran máis "activas" nos clubes da rede Carioca.  Só 21 dos centos de mulleres prostituídas entraron no programa de testemuñas protexidas... que xestionan as oenegués Aliad e Ultreia e non os servizos públicos directamente.

Ata o de agora, só unha muller vítima de trata conseguíu asilo e protección internacional en España. Non foi ata o 21 de outubro deste mesmo ano. Trátase dunha moza nixeriana que foi prostituída, violada repetidamente e obrigada a abortar dúas veces. Semella un balance paupérrimo se, como sospeita Miguel Pajares, hai 10.000 escravas sexuais en España.

Como evitar almorzanos con novas coma a da nena romanesa de 15 anos prostituída en Valladolid e Santiago e que fuxía desesperada da agresión dun dos seus captores? En moitas informacións insístese nun máis férreo control de fronteiras para atallar o tráfico de persoas. Así, na reportaxe de The New York Times sinálase "a libre circulación de persoas" como unha das causas do incremento do número de mulleres traficadas para seren prostituídas en España.

Non comparto esta idea. O feito de que os cidadáns romaneses, membros da Unión Europea, teñan máis trabas ca outros dos 27 para moverse polo espazo Schengen non significou que as mafias tivesen algún impedimento para captar a esta Natasha --así se lles chama ás mozas da Europa do Leste prostituídas na Europa Occidental-- na súa aldea na fronteira con Moldavia e a vendesen ao mellor postor. 

Saberá algunha vez a Europa das liberdades e dos dereitos estar á altura desta e doutras natashas?




No hay comentarios:

Publicar un comentario