jueves, 7 de noviembre de 2013

¿Facía falta saber isto?

"La niña rumana solamente estaba a disposición de clientes vip de La Perla"

A vitimización da vítima. E un titular que che pon as tripas de volta, o de El Correo Gallego do 21 de outubro pasado, en relación coa operación Perla, un drama individual e colectivo que nos fixo lembrar que a escravitude non é cousa dos campos de algodón do Sur profundo no século XVIII nin da película 'Django Unchained' de Quentin Tarantino. A escravitude é aquí e agora.

O rotativo compostelán pregúntalles a clientes habituais do bordel se tiñan alternado coa adolescente de 15 anos rescatada o 16 de outubro. Din que non a viron nunca, pero sosteñen que era "el principal reclamo" do local.

Como xornalista que son pregúntome se facía falta baixar a este grao de coñecemento. Se non é abonda a humillación á que foi sometida unha nena soa, fóra da casa e asustada, como para recrear o morbo. Por outra banda, son consciente de que, ás veces, as cousas, por moi sórdidas que sexan, hai que contalas. Neste caso, prodúcese unha afirmación baseada en suposicións e en "disques" e "seicas" e iso pode ser moi perigoso.

Iso si, o da descrición física da rapaza, loura, guapa "y toda una mujer aunque no parezca mayor de edad", coido que si que sobraba nesta noticia.

Por outra parte, prodúcenme un malestar e unha angustia moi grandes o feito de que, ata o de agora, non dea atopado unha información que conte que pasa de aquí en diante coa vítima: Está ben coidada? Onde? Está protexida de posibles extorsións? Impórtalle a alguén o que lle suceda a unha nena de 15 anos escravizada ao lado da nosa casa?  

No hay comentarios:

Publicar un comentario