sábado, 9 de noviembre de 2013

Que pasa con Moldavia? (I)





 Non é sinxelo atopar información sobre Moldavia. Os datos van aparecendo, aos poucos, logo de consultar moitas novas xornalísticas, informes de organizacións das que descoñecía a súa existencia e bitácoras de viaxes realizadas por cronistas independentes ou freelance.

Ata o de agora, eu tiña por certo que Moldavia é un estado nado na descomposición soviética en 1991 e que participa no Festival de Eurovisión. A canción de 2011 gustárame moito, se se me permite a frivolidade.

Unha das referencias máis recentes que atopei relativas a Moldavia ten que ver cun recente informe sobre a escravitude moderna, dado a coñecer pola fundación Walk Free, unha entidade creada por un magnate australiano e que conta coas xenerosas aportacións de Bill Gates (Microsoft) ou Richard Branson (Virgin). 

(Perdón pola desconfianza no binomio magnate/escravitude).

Unha reportaxe (moi interesante, pero non podo dispersarme) sobre os 'restaveks', os nenos escravos de Haití, incorpora unha listaxe na que Moldavia --aquí, en Europa-- aparece como o sexto país do mundo cunha meirande prevalencia da escravitude moderna.

Os cinco primeiros son, por esta orde, Mauritania, Haití, Paquistán, India e Nepal.

Moldavia ten pouco máis de catro millóns de habitantes e 32.000 moldavos son escravizados en diferentes países de todo o mundo, como irei comprobando pouco a pouco, a meirande parte destes escravos do século XXI son mulleres e nenas forzadas a exercer a prostitución en Europa Occidental, si, pero tamén en Kosovo, en Albania, no Líbano e ata en Israel. Especialmente significativo é o feito de que o 60% das mulleres vítimas de trata en Turquía son moldavas ou ucraínas. Teñen entre 16 e 24 anos e, moitas delas, un ou varios fillos. 

Unha crónica xornalística do arxentino Martín Caparrós, asinada en 2011, indica --descoñezo as fontes--- que arredor de 40.000 mulleres foron traficadas desde Moldavia nunha década con fins de explotación sexual:
En los últimos años, el tráfico de mujeres en Moldavia se convirtió en un problema nacional que muchos tratan de ignorar. El tráfico aumentó mucho tras el fin de las guerras balcánicas: los guerreros pacificados y los cuerpos de paz se aburrían, y los burdeles necesitaban más y más cuerpos. La mayoría de las mujeres traficadas viene de familias muy pobres, deshechas, violentas. Pero las que se van son, al mismo tiempo, las más activas, las que no quieren resignarse a su situación y buscan mejorarla. No hay cifras globales, pero extrapolando ciertos estudios parciales se puede calcular que desde el 2000 hubo unas 40.000 mujeres traficadas en Moldavia: el 5 por ciento de todas las mujeres entre 15 y 39 años.
O relato que Martín Caparrós elabora da historia de Natalia, unha rapaza maltratada desde a infancia e vendida polo seu home a un proxeneta cando tiña 19 anos pon os pelos como escarpias.

Sobre os porqués dunha situación tan dramática, teño atopado cousas tan pintorescas como un artigo titulado: ¿Por qué las mujeres de Moldavia se convierten en prostitutas?

Un sacerdote de nome Vasile Filat asegura que o motivo vén dado pola falta de coñecemento de Deus e que, antes do comunismo, a xente acostumaba a ir á Igrexa os domingos.

A verdade, non me serve como argumento.

Outra bitácora persoal escrita este mesmo ano polo xornalista español José Miguel Fernández-Layos e publicada no portal arxentino Elpuercoespin.com/ar recolle que Moldavia é o país máis pobre de Europa. E tamén o máis rural.  

Paréceme que estamos a entrar en materia.




No hay comentarios:

Publicar un comentario